O procesador de textos ABIWORD
 

AbiWord é procesador de textos gráfico, multiplataforma, libre, rápido e bastante completo. Tanto a sua aparéncia como o seu manexo son semellantes a de outros procesadores de texto (Word, WordPerfect, etc). Contodo ha diferencias fundamentais:

  • é libre, (páxina de descarrega)

  • o seu formato de arquivos é XML, e portanto un arquivo *.abw pode ser aberto con calquer editor de texto,

  • utiliza os dicionários do ispell para a corrección ortográfica, e como existen moitos, e ademais son libres, permite corrixir textos nunha chea de línguas.

  • os menus están traducidos a unha morea de idiomas, resultando relativamente fácil trocar o idioma co que relacionar-se con el.

Ademais dou seu formato nativo este programa é capaz de manexar outros formatos como RTF, Microsoft Word (doc), Applix  Word (aw) , xhtml, Microsoft Write (wri), etc.

Unha das características máis salientábeis deste procesador de textos é ser multiplataforma, habendo neste momento versións del nos seguintes sistemas operacionais:

  • Unix (incluindo GNU/Linux, Solaris, FreeBSD ...)
  • Windows (95, 98, NT, 2000, XP)
  • MacOS X / XDarwin
  • BeOS
  • QNX

Outro dos pontos fortes de Abiword é a sua levidade, asi por exemplo o programa de instalación para Windows só ocupa 3'1 Mbytes. Claro que isto é asi entre outras cousas por non ser, por agora, tan completo como outros procesadores. Mais tamén é certo que non ha nengun outro procesador de texto que poda correr en tantos sistemas operacionais e que ademais teña corrección ortográfica en galego, para mais na normativa de mínimos.

 
Corrector ortográfico

Para poder corrixir textos en galego (normativa de mínimos) ademais do Abiword necesita-se o ficheiro galician.hash. Este ficheiro debe copiar-se no directório .../Abisuite/dictionary, onde xa debe estar o ficheiro american.hash.

Unix Se ispell-gl está xa instalado basta con facer unha ligazón.

Windows O camiño exacto depende do directório que no que se instalara o programa, normalmente será "Archivos de programa/AbiSuite/dictionary" ou ben "Program Archives/Abisuite/dictionary".

Os documentos de Abiword poden estar en várias línguas, de xeito que nos parágrafos marcado como francés o corrector ortográfico empregará o dicionário francés, e nos marcados como alemán o dicionário alemán, etc sempre e cando os dicionários correspondentes estexan disponíbeis.

Ao importar ficheiros doutros formatos (RTF, word, etc), que non teñen marcas de língua, o Abiword interpreta que todo o texto está en inglés. Recomenda-se entón desactivar a corrección automática, sobre todo para ficheiros grandes, seleccionar todo (Editar/Seleccionar todo) e escoller a língua axeitada (Ferramentas/Língua).

 
Localización

Unix Os menus de Abiword estarán en princípio na língua que marca a variábel LANG, asi se LANG=gl_ES estarán en galego, se LANG=pt_PT en portugués, etc. mais é posíbel variar isto.

Windows En princípio o normal e que os menus do Abiword saian na mesma língua na que estexa o Windows, mais tamén neste caso este comportamento pode se variar.

Como trocar a língua dos menus.

Supoño que nun futuro haberá un menu para facer iso, mais por agora cumpre editar o ficheiro AbiWord.Profile, que en Windows 95 está no directório "windows/Abisuite", e en Unix en ~/.Abisuite

Para que os menus saian en galego cumpre facer o seguinte:

  1. Abrir o ficheiro AbiWord.Profile con un editor de textos (WordPad, Nedit, vi ...).
  2. Neste ficheiro debe haber dous apartados que empezan con "<Scheme", un "_builtin_" que xera o programa de instalación, e que non debe modificar-se a man , e outro "_custom_" que pode ser modificado polo usuário. Este apartado debe incluir o seguinte:
    	
    	<Scheme
    		name="_custom_"
    		StringSet="gl-ES"
    		DefaultPageSize="A4"
    		DocumentLocale="gl-ES"
    		MenuLabelSet="gl-ES"
    		ToolbarLabelSet="gl-ES"
    		/>
    

Unha vez que isto esta feito, garda-se o ficheiro e executa-se o programa, que xa deberia falar galego.

O item  DocumentLocale="gl-ES", di-lle ao abiword que a língua padrón dos documentos é o galego. Ou sexa, se non se lle especifica outra cousa considera que a língua na que se escrebe é o galego, e para a corrección ortográfica, automática ou non, empregará o dicionário galego.


Voltar á paxina anterior

Copyright Ramón Flores Última Actualización: 6 de Maio do 2002