Para a elaboración do dicionário galego para o ispell seguimos a normativa de mínimos ortográficos,
baseando-nos nas seguintes duas fontes:
NOVA GRAMÁTICA para a aprendizaxe da língua de Xoán Xosé Costa Casas, Mª dos Anxos González Refoxo,
César Carlos Morán Fraga e Xoán Carlos Rábade Castiñeira, editada por Vía Láctea en 1988.
DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA de Isaac Alonso Estravís, editado por Sotelo Blanco en 1995.
Pode-se achar información en liña sobre esta normativa na sección documentos do site
de La questione de la lingua, e no site da
CIG, tamén na sua sección de
documentos.
A normativa de mínimos ten un espírito conciliador, e admite distintas variantes para unha mesma
palabra. Con todo a NOVA GRAMÁTICA dá como preferentes algunhas delas, asi na apresentación di:
En certas terminacións e ditongos admiten-se como plenamente válidas as duas variantes por seren amabas
lexítimas, estimadas, como preferentes por parte da APLL (Asociación de Profesores de Língua e
Literatura) aquelas que indicamos en primeiro lugar:
- -eo / -eio (freo/freio, creo/creio, etc.)
- -ea / -eia (frea/freia, idea/ideia, etc.)
- -an / -ao (chan/chao, irmán/irmao, etc.)
- -e / -en (marxe/marxen, viaxe/viaxen, etc.)
- -oa / -o (avoa/avó, moa/mó, etc.; máis só)
- oi(t) / ui(t) (loita/luita, moito/muito,
roibo/ruibo[1], etc)
O mesmo poderíamos dicer de formas xa gramaticais como ti/tu
e imos/vamos.
A respeito de outros casos como as terminacións -zón/-ción
(nazón/nación), -són/-sión (concisón/concisión),
-tón/-tión (dixestón/dixestión) e
-xón/-xión (reflexón/reflexión), consideran-se noutro plano
diferente aos anteriores, por se tratar agora de escoller entre as formas lexítimas pero social e
institucionalmente menos implantadas (-zón, -són, -tón, -xón),
e formas propriamente castellanizadas ainda que social e institucionalmente máis empregadas
(-ción, -sión, -tión, -xión). Aqui adopta-se como critério o das
Normas de 80 aludidas[2]: "recomenda-se a potenciación das formas primeiras
[as lexitimas], coas limitacións ou ritmo que aconselle o proceso gradual do ensino e da
sensibilidade social".
Seguindo estas pautas, decidimo-nos a utilizar as terminacións xenuínas en certas palabras que
apresentan unha particular evolución fonética que as afasta da estrutura latina e as aproxima da sua
forma romance histórica: eleizón, entoazón, lizón, perfeizón, -uizón
(constituizón, contribuizón, distribuizón, etc.) xerazón, etc.; confisón, procisón, profisón. Vexa-se
sobre todo isto, o Apéndice 2 do libro, no primeiro apartado das terminacións.[3]
A flexibilidade da normativa de mínimos non lle acai ben a un corrector ortográfico, e asi non parece
coerente que nun mesmo texto o corrector dé por válidas duas, ou mesmo tres, variantes distintas da
mesma palabra, por ex. idea e
ideia. Por iso nós no noso dicionário só damos por válida
unha das posíbeis variantes, seguindo os seguintes critérios:
Nas terminacións antes citadas seguimos o critério da APLL, i.e. -eo,
-ea, -an, -e, -oa, oi(t)
Tamén para as terminacións -zón/-ción, -són/-sión, -tón/-tión e
-xón/-xión, pretendemos seguir o critério da APLL. Mais dado que
resulta un tanto ambigüo, o critério real que seguimos foi dar por válida a primeira forma que inclui o
DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA, cando inclui duas, e a forma única cando só inclui unha. Pois cuidamos que
os critérios da APLL e do dito dicionário coinciden basicamente, dos exemplos citados anteriormente só
dous diferen. Seguindo o DICIONÁRIO demos como válidas as formas
procisión e profisión.
No caso dos comezos de palabra ca-/cua- e
ga-/gua-, seguindo o critério implícito no
DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA demos por válidas as formas en -ca,
-gua.
A hora de conxugar os verbos, e cando a NOVA GRAMÁTICA considera válidas duas formas, escollemos a que
escreben en primeiro lugar, ex. copio=cópio -> copio, agás
no caso da 2ª persoa do plural do presente de imperativo, onde escollemos a segunda fora, ex.
xogade=xogai -> xogai
Caso de xurdir unha ambigüidade non contemplada nos pontos anteriores escollemos a forma recomendada
polo DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA
Se ben neste dicionário privilexian-se certas formas, @ usuári@ pode modificá-lo para que se axeite aos
seus gostos, tal e como se descrebe na páxina de AMPLIACIÓNS E MODIFICACIÓN.
NOTAS
[1]
Nós seguindo o dicionário antes citado damos por válida: roivo.
[2]
Fai alusión as Normas
ortográficas do idioma galego, normas ortográficas aprobadas pola consellaria de cultura da xunta
preautonómica en 1980.
[3]
Tamén este apéndice
se pode achar no site de La questione de la
lingua.
Copyright André Ventas e Ramón Flores |
Última Actualización: 3 de Decembro do 2001 |
|